domingo, 30 de septiembre de 2018

Arteixo Indíxena


A ONU proclamou o ano 2019 como o Ano Internacional das Linguas Indíxenas.  Aproveitando este feito, dende o EDLG queremos aproveitar para que todo o centro, de forma globalizada, traballe sobre esta temática. A fala é unha das sinais de identidade que fan único a un pobo. No caso de Galicia, o idioma é cultura, forma parte de nós e empapa a nosa realidade social e cultural de xeito destacado.  Traballando as linguas indíxenas queremos facer consciente ao alumnado de que existen moitas linguas diferentes. A nivel centro, organizamos a repartición de tribus por niveis. En Educación Infantil traballarase África, en primeiro e segundo nivel de Educación Primaria traballarase Birmania, en terceiro e cuarto nivel traballarase a Polinesia e en quinto e sexto nivel traballarase América do Norte e do Sur. Así, levaremos a cabo múltiples actividades empregando a lingua galega como vehicular nas mesmas. Investigaremos sobre as diferentes tribus, comporanse historias cos datos recadados en lingua galega, faremos comparacións das diferentes manifestacións culturais das tribus a estudar coa galega, comporanse cancións en lingua galega a través de ritmos e melodías tribais... Como se pode comprobar, aínda que se estean a traballar tribus e organizacións sociais cunha lingua diferente á nosa, dende o equipo queremos que este feito sirva para comprobar como a lingua galega nos fai únicos, sendo conscientes da súa importancia e a súa repercusión na vida cultural material e inmaterial que nos rodea, a través das comparacións que se fagan ao longo das actividades propostas.
           

No hay comentarios:

Publicar un comentario