jueves, 1 de marzo de 2018

CALENDARIO MARZO 2018

Este mes de marzo protagonízao o león.
Autores: Clase das Margaridas


Leo é unha constelación moi fermosa e cunha forma claramente recoñecible no ceo. 



Nas noites de marzo, de cara á media noite, poderemos observar esta constelación no alto do ceo:


A historia do león está relacionada coa lenda de Hércules, que di así:

Hai moito tempo naceu un neno chamado Hércules. Era fillo de Zeus, o deus máis importante do Olimpo. Un día, mentres Hera, a esposa de Zeus, o estaba aleitando, un pequeno chorro de leite escapou polo ceo. Das gotas brancas formouse a Vía Láctea, que se ve nas noites máis escuras coma unha estrada abrancazada de estrelas pequeniñas que van todas xuntas.

Hera, que era a súa madrasta, non quería moito o neno, e cando Hércules era pequeno e aínda estaba no berce, mandoulle dúas serpes coa intención de que o afogasen. Pero o neno, que era moi forte e valente, logrou matalas. Hera non se rendeu, e ao longo de toda a súa vida intentou poñerlle trampas e crearlle problemas de todo tipo. Hércules tivo que superar as probas máis perigosas. Debeu enfrontarse a animais terribles, como o león e a hidra, un monstro con moitas cabezas que renacían a medida que se cortaban. Tamén lle tocou loitar contra paxaros tan grandes como aguias, que tiñan o bico e as garras de bronce; tamén gañou a unha cerva con cornos de ouro e pés de cobre.


Non había proba ou fazaña que el non puidese superar. Fíxose cada día máis forte e máis valente, ata que ao final el foi tamén aceptado no Olimpo entre os deuses. De noite, as constelacións de Hércules, da Hidra e do León, que brillan na bóveda celeste, recórdannos o valor do fillo de Zeus.

Fonte: Universe in a box

No hay comentarios:

Publicar un comentario