A ONU proclamou o ano 2019 como o Ano Internacional
das Linguas Indíxenas. Aproveitando este
feito, dende o EDLG queremos aproveitar para que todo o centro, de forma
globalizada, traballe sobre esta temática. A fala é unha das sinais de
identidade que fan único a un pobo. No caso de Galicia, o idioma é cultura,
forma parte de nós e empapa a nosa realidade social e cultural de xeito
destacado. Traballando as linguas
indíxenas queremos facer consciente ao alumnado de que existen moitas linguas
diferentes. A nivel centro, organizamos a repartición de tribus por niveis. En
Educación Infantil traballarase África, en primeiro e segundo nivel de
Educación Primaria traballarase Birmania, en terceiro e cuarto nivel
traballarase a Polinesia e en quinto e sexto nivel traballarase América do
Norte e do Sur. Así, levaremos a cabo múltiples actividades empregando a lingua
galega como vehicular nas mesmas. Investigaremos sobre as diferentes tribus,
comporanse historias cos datos recadados en lingua galega, faremos comparacións
das diferentes manifestacións culturais das tribus a estudar coa galega,
comporanse cancións en lingua galega a través de ritmos e melodías tribais...
Como se pode comprobar, aínda que se estean a traballar tribus e organizacións
sociais cunha lingua diferente á nosa, dende o equipo queremos que este feito
sirva para comprobar como a lingua galega nos fai únicos, sendo conscientes da
súa importancia e a súa repercusión na vida cultural material e inmaterial que
nos rodea, a través das comparacións que se fagan ao longo das actividades
propostas.