Rosalía e a horta das palabras
No noso centro, onde este curso estamos a desenvolver o proxecto arredor da muller agricultora, quixemos celebrar o Día de Rosalía dun xeito moi especial, conectando a súa figura co traballo da terra e coa forza das palabras.
Así naceu a actividade “Rosalía e a horta das palabras”.
Cada ciclo elaborou un mural no que convertimos os corredores nunha pequena horta simbólica. Nela, en lugar de leitugas ou tomates, medraban versos. En cada hortaliza “plantada” podíase ler un poema de Rosalía, palabras que seguen vivas e fértiles, capaces de emocionar e facer reflexionar xeración tras xeración.
A través desta proposta, o alumnado achegouse á figura de Rosalía de Castro dun xeito creativo e significativo, descubrindo que a literatura tamén se cultiva: precisa coidado, tempo e agarimo, igual ca a terra.
A actividade permitiunos:
-
Relacionar a tradición literaria galega co noso proxecto anual.
-
Poñer en valor o papel das mulleres, tanto no ámbito agrícola como no cultural.
-
Fomentar o gusto pola lectura e pola lingua galega.
-
Traballar de maneira cooperativa e artística.
Compartimos a continuación algunhas imaxes dos murais elaborados polos diferentes ciclos, exemplo do traballo, da ilusión e da sensibilidade do noso alumnado.
Porque as palabras, cando se sementan ben, sempre dan froito 🌾✨































