miércoles, 4 de marzo de 2026

Día de Rosalía 2026

 

Rosalía e a horta das palabras 

No noso centro, onde este curso estamos a desenvolver o proxecto arredor da muller agricultora, quixemos celebrar o Día de Rosalía dun xeito moi especial, conectando a súa figura co traballo da terra e coa forza das palabras.

Así naceu a actividade “Rosalía e a horta das palabras”.

Cada ciclo elaborou un mural no que convertimos os corredores nunha pequena horta simbólica. Nela, en lugar de leitugas ou tomates, medraban versos. En cada hortaliza “plantada” podíase ler un poema de Rosalía, palabras que seguen vivas e fértiles, capaces de emocionar e facer reflexionar xeración tras xeración.

A través desta proposta, o alumnado achegouse á figura de Rosalía de Castro dun xeito creativo e significativo, descubrindo que a literatura tamén se cultiva: precisa coidado, tempo e agarimo, igual ca a terra.

A actividade permitiunos:

  • Relacionar a tradición literaria galega co noso proxecto anual.

  • Poñer en valor o papel das mulleres, tanto no ámbito agrícola como no cultural.

  • Fomentar o gusto pola lectura e pola lingua galega.

  • Traballar de maneira cooperativa e artística.

Compartimos a continuación algunhas imaxes dos murais elaborados polos diferentes ciclos, exemplo do traballo, da ilusión e da sensibilidade do noso alumnado.






Porque as palabras, cando se sementan ben, sempre dan froito 🌾✨


miércoles, 25 de febrero de 2026

Exposición "O amencer da humanidade"

 Este mes de febreiro temos no noso centro a exposición “O amencer da humanidade”, un proxecto expositivo realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia.

Ao longo destes días, o alumnado está a gozar enormemente da experiencia. A través dun percorrido visual e didáctico, están descubrindo datos curiosos sobre a orixe da humanidade, comprendendo mellor como vivían os nosos devanceiros e como foi evolucionando a nosa especie ao longo do tempo.

A exposición está a espertar a súa curiosidade, fomentando preguntas, reflexións e conversas moi enriquecedoras na aula.

Aquí vos deixamos unhas imaxes para que poidades achegarvos un pouco a esta experiencia tan interesante e especial.